Make your own free website on Tripod.com

 

A derradeira aportación étnica: os bretóns

 

A irrupción das tribos xermánicas no território do Império Romano no século V provocou reaccións en cadea que en ocasións se estenderon por amplas zonas. Seguramente o máis importante destes reaxustes demográficos e pode tamén que o máis dramático fora o que afectou á povoación celta de Gran Bretaña.

Presionados polos recén chegados anglo-saxóns, foron recuando cara o oeste e gran parte deles iniciou en vagas sucesivas a emigración a países dos que saberian por unha vella tradición de contactos seculares.

O continxente máis nutrido asentou-se na península de Armórica na Galia, convertida desde aquela en solar dunha nación céltica, cuxo nome pasa a ser Bretaña.

Pero importantes grupos tiveron Galiza como destino, a onde arribaron a finais do século V ou princípios do VI, estabelecéndo-se de maneirapacífica na costa norte, aproximadamente entre o rio Eo e a ria do Ferrol.

Posuidores dun nivel cultural avanzado, dispuxeron desde o princípio dunha estrutura organizativa coa que se integraron no esquema do Reino Suevo, constituindo unha diócese própria con sede en Britonia (Bretoña, na zona de Mondoñedo), coas peculiares características da Igrexa céltica.

A sua participación nos asuntos do Reino fica testemuñada pola participación do seu bispo Mailoc nos dous Concílios de Braga dos anos 561 e 572.

Sen embargo non é fácil perceber as suas pegadas no país pola semellanza co médio no que se instalan, sendo difícil distinguir as novidades por eles aportadas das vellas tradicións autóctonas. Ademáis grande cantidade de elementos celtas de procedéncia variada inseríron-se no acervo xeral da cultura medieval europea.

Ainda asi os bretóns, derradeira aportación demográfica que interveu na constitución da nacionalidade galega, deixaron constáncia da sua preséncia en certos topónimos (Bretoña, Céltigos) e até é posíbel que o instrumento máis representativo da nosa música, a gaita, se lle deba tamén a eles.

 

Anselmo López Carreira

História Xeral de Galiza

Edicións A Nosa Terra, 1997