A derradeira
aportación étnica: os bretóns
A irrupción das tribos
xermánicas no território do Império Romano no século V
provocou reaccións en cadea que en ocasións se estenderon por
amplas zonas. Seguramente o máis importante destes reaxustes
demográficos e pode tamén que o máis dramático fora o que
afectou á povoación celta de Gran Bretaña.
Presionados polos recén
chegados anglo-saxóns, foron recuando cara o oeste e gran parte
deles iniciou en vagas sucesivas a emigración a países dos que
saberian por unha vella tradición de contactos seculares.
O continxente máis
nutrido asentou-se na península de Armórica na Galia,
convertida desde aquela en solar dunha nación céltica, cuxo
nome pasa a ser Bretaña.
Pero importantes grupos
tiveron Galiza como destino, a onde arribaron a finais do século
V ou princípios do VI, estabelecéndo-se de maneirapacífica na
costa norte, aproximadamente entre o rio Eo e a ria do Ferrol.
Posuidores dun nivel
cultural avanzado, dispuxeron desde o princípio dunha estrutura
organizativa coa que se integraron no esquema do Reino Suevo,
constituindo unha diócese própria con sede en Britonia
(Bretoña, na zona de Mondoñedo), coas peculiares
características da Igrexa céltica.
A sua participación nos
asuntos do Reino fica testemuñada pola participación do seu
bispo Mailoc nos dous Concílios de Braga dos anos 561 e 572.
Sen embargo non é fácil
perceber as suas pegadas no país pola semellanza co médio no
que se instalan, sendo difícil distinguir as novidades por eles
aportadas das vellas tradicións autóctonas. Ademáis grande
cantidade de elementos celtas de procedéncia variada
inseríron-se no acervo xeral da cultura medieval europea.
Ainda asi os bretóns,
derradeira aportación demográfica que interveu na constitución
da nacionalidade galega, deixaron constáncia da sua preséncia
en certos topónimos (Bretoña, Céltigos) e até é posíbel que
o instrumento máis representativo da nosa música, a gaita, se
lle deba tamén a eles.
Anselmo López Carreira
História Xeral de Galiza
Edicións A Nosa Terra, 1997